A casa
Localizada no barrio de Vilamairo, a un paso do Xardín Umbrio, está a Casa-Museo Irmáns Camba.
Verás un edificio de pedra, de tipoloxía tipicamente mariñeira e galega, caracterizada polos seus muros de cachotería, que conta con dúas plantas. No seu exterior poderás ver un escudo cuartelado en cruz con elementos ornamentais, fiel testemuña da nobre orixe deste inmoble.
Non falta nesta casa a tradicional escaleira de patín, tapado este por un pequeno tellado. Ademais de conformar o acceso á vivenda principal, o seu relanzo contaba con varias funcións: desde punto de encontro para falar ata espazo para tender a roupa. Dise que, antigamente, esta área atopábase tapada e era alí onde o pai dos irmáns Camba desenvolvía a súa profesión de practicante de medicina.
Como toda casa tradicional da época, a planta baixa reservábase para gardar aos animais. Ademais, gardábanse aquí aparellos e ferramentas relacionadas coa profesión do mar. Este espazo tamén serviu como pequeno laboratorio, onde o pai destes dous escritores vilanoveses elaboraba as fórmulas farmacéuticas dentro da súa labor de practicante de medicina.
A finais dos 70’s, a casa caeu en estado de abandono. Uns anos máis tarde, o Concello de Vilanova adquiriuna e rehabilitouna para convertela en Biblioteca Municipal. Foi a finais dos anos 90’s cando se quixo converter este espazo na Casa-Museo dos Irmáns Camba, preservando o valioso legado de ambos escritores a través dun completo espazo expositivo.