Ruta Julio Camba
Invitámoste a descubrir A Vilanova de Julio Camba. Aquí tes un itinerario do máis singular a través do que poderás descubrir os recunchos de referencia do gran xornalista de principios do século XX. Nos seus escritos non faltaron as alusións a súa vila natal, á que regresaba en busca de refuxio. Segue os pasos deste gran articulista nunha ruta que che levará por unha Vilanova chea de contrastes e marcada fundamentalmente polo mar:
Itinerario
O percorrido comeza na orixe da propia historia de Julio Camba, cunha parada na casa que o veu nacer. Convertida en Casa-Museo, o inmoble alberga unha completa exposición que realiza un repaso á vida e obra de Julio e Francisco Camba. Esta composta por paneis informativos, documentación antiga e unha mostra da biblioteca que esta vivenda albergou no seu día, con preto dun centenar de publicacións.
Localizada no antigo barrio de Vilamaior, esta pequena igrexa de estilo románica ten dous corpos. Aínda que Julio Camba foi bautizado na igrexa parroquial de Santa María de Caleiro, seguramente esta fose a capela de referencia da súa nenez. Localízase próxima a súa casa e, naquela época, impartían a liturxia o presbítero don Ángel Nodar e o párroco don Jerónimo García Rosende.
O cronista de Vilanova, Benito Leiro, gañador do premio Julio Camba en 1999, descubre no seu artigo Julio Camba, un nudista en Vilanova, a afección que o xornalista tiña por practicar o nudismo nas praias do Terrón, algo do máis sorprendente para a época. Entre as súas anécdotas, destaca unha na que, mentres tomaba o sol, lle roubaron a roupa. Julio Camba tivo que regresar deitado nunha gamela para que non o viran os paseantes e o seu amigo barqueiro, Ventura Portas, tivo que ir correndo á casa do practicante Camba -padre do autor- para traer roupa o apurado nudista en retirada.
Esta parada realízase de modo simbólico, xa que representa o momento no que Julio Camba intercedeu ante as autoridades da época, a petición do seu amigo Pastor Pombo, para evitar que Vilagarcía de Arousa absorbese a Vilanova, como xa fixera con anterioridade con Vilaxoán e Carril. Gracias a súa labor, logrou que o Concello permanecese independente.
Continuando o itinerario, coñeceras o paseo de O Cabo, por onde Julio Camba e Pastor Pombo saían a ver as obras do porto e contemplaban a Ría de Arousa. No seu libro, Playas, Ciudades y Montañas, Camba describe a Ría de Arousa como “unha marabilla”. No actual Paseo do Cabo poderás encontrar unha escultura na honra ao considerado o primeiro correspondente no estranxeiro de España.
Na rúa do Cabo atopábase (nos anos 50’s) o hoxe desaparecido Casino, que era o escenario do faladoiro vilanovés. Aquí Julio Camba atopábase con influentes salazoneiros da época como Ricardo Llauger, Juan Pérez Lafuente, Ricardo González ou Francisco Lafuente (este tamén foi compañeiro de correrías infantís de don Ramón María del Valle-Inclán). O diplomático Pepe Che Rivero, Francisco el Sastre e Ventura Portas, así como Juanito Pacheco, conserxe do Casino nos anos 40’, tamén formaban parte do grupo de tertuliáns. Alí pasábanse as horas de lecer xogando ás cartas e discutindo sobre temas de actualidade, como a II Guerra Mundial.
Un dos grandes amigos de Camba foi o boticario Pepe Roig, que preparaba unhas exquisitas sardiñadas. Unha habilidade que reflexou no seu libro La Casa de Lúculo. No solar da antiga rebotica atópase actualmente unha farmacia.
Inaugurado no ano 2008, con motivo da décimo cuarta edición da Festa do Mexillón e o Berberecho, é unha obra do escultor Lucas Míguez, que representa ao autor vilanovés, mirando o seu querido mar.
O percorrido polos lugares máis queridos de Julio Camba finaliza na que foi a casa dun dos seus mellores amigos. Pastor Pombo foi mestre da vila e posiblemente tamén de ambos irmáns. Moi próxima á Casa do Cuadrante, esta antiga casa de pedra foi moi frecuentada por Julio Camba a principios do século XX.
As fillas do mestre (Carmela y Lourdes) recordaban con emoción as vivencias que compartiron cun home “sinxelo e cariñoso”, un dandi sibarita que vestía elegante. Ambas sinalaban que Camba sempre lles traía algún detalle dos países que visitaba, sobre os que lles contaba tamén algunhas historias, que despois se verían reflexadas nalgúns dos seus escritos.